Continuando co tema dos andacamiños e rascamaseiras, cando alguén tem unha relación que non quere que sexa de coñecemento público, dicimos que ‘anda tras das silveiras’.
Unha das nosas palabras favoritas: cando algo ou alguén nos agrada moito, dicimos que ‘chincha’:
– Mara comprou unha moto que chincha!
Tamén se pode dicir ‘chinchar na cheda’. A cheda é como o chasis dun carro do país:
– Vaia mozo que tes! Chincha na cheda!
Relacionado co verbo ‘vazar’ (minguar ou baixar), @parrulamoura lembrounos a expresión ‘a vazante da Lúa’, que é o momento en que hai que podar ou cortar o pelo. ✂️
Na Pontenova, cando alguén vai moito a un sitio (ou cando non se sabe ben a onde vai), dise que ‘ten unha pita deitada’, referíndose a unha relación que mantén en segredo. Contóunolo @chass_lr.
– Moito vas a Ribadeo, Marta! Debes ter unha pita deitada por aló. 🐔
Contounos @bertez que, cando facemos algo que non vai servir de nada, dicimos que ‘carretamos auga para o paxe’. Un ‘paxe’ é un cesto de vimbio ou varas, inadecuado para transportar líquidos:
– Se abres a ventá, teres posta a calefacción é carretar auga pró paxe. 🤦🏻♂️
Cando alguén fai algo polo que lle van botar unha bronca, dicimos que vai ‘oír o rosario’ ou ‘oír o sermón’:
– Outra vez un cero en Matemáticas? Cando chegues á casa vas oír o rosario.